Quinielas

Hoxe sae unha breve quiniela en Vieiros sobre o nome da persoa que ocupará a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Curiosamente os medios non estiveron facendo quiniela ningunha sobre ese posto.

E mais hai outras leiras sen dono sobre as que me gustaría saber algo e seguimos igual: quen dirixirá o IGAEM (e, consecuentemente, quen o CDG)?, e os mandos da CRTVG?

Será que terei que irme de vacacións e vacacións coa incógnita nas costas?

Segue cheirando a fume

Como o prometín, velaquí a ligazón ao anunciado artigo de Xabier Vázquez Pumariño en Vieiros sobre o tema dos Lumes.

E mais unha das fotos que saquei dun incendio en Lousame.

Fino humor para abrir a fin de semana


(Facendo clic na imaxe védela máis grande)

Podedes ver máis tiras de “Macanudo” aquí

Reflexións afumadas

Di o dicionario da RAG:
pirómano -a s. Persoa con tendencia obsesiva a provocar incendios.
Isto é: unha patoloxía psicolóxica. O termo, xa que logo, non é aplicábel ás persoas que prenden lume no monte por motivacións prácticas ou económicas ou por simples envexas entre veciños.

A Xunta ten catalogadas cen causas para os lumes. Segundo as súas estatísticas, as máis recurrentes son as vencelladas ao uso do monte arborado para pastoreo e ás envexas entre veciños.

Existe, entre as causas tipificadas, unha relacionada coa especulación coa madeira queimada. Co incendio do monte de eucalipto especula a industria celulosa (tal e como se explica neste artigo). Co incendio do monte de piñeiro, en cambio, quen se beneficia é a industria do móbel. O que resulta curioso é que a especulación coa madeira queimada non figura entre as causas de incendios máis habituais.

Canto á frase tan oída “os incendios apáganse no inverno”. Parece claro que a (non) limpeza dos montes provoca a máis rápida extensión do lume e mais dificulta as labouras de extinción.

(Utilizo o concepto de monte limpo tal e como se entende de modo extenso ao falar de incendios, quer dicir, monte de uso forestal ao que non se lle controla o crecemento do monte baixo. Aínda así habería que cuestionarse este uso, que pode ter unha serie de connotacións erradas.)

Por que, logo, o monte non está limpo?

Parece evidente que a resposta se circunscribe a motivos económicos. Manter o monte limpo custa cartos e as explotacións forestais non producen o rendemento necesario. Isto sen considerar que parte importante do terreo forestal é de acceso dificultoso por mor da orografía, o que complicaría as (inexistentes ou, cando menos, escasas) tarefas de limpeza.

As épocas de grandes incendios son cíclicas. A maiores dos efectos climáticos (sequía, calor, vento), é ben certo que nunha zona onde este ano se produce un gran incendio, os próximos anos serán de calma.

(Habería que estudar con detenemento as estatísticas para ver se a xeralización dos grandes incendios non responde tamén a ciclos relacionados co prezo/escaseza na oferta de madeira.)

Asumamos, simplemente, que os incendios nas explotacións forestais “deben” ocurrir periodicamente para resolver a limpeza dos montes.

Excluíndo os incendios producidos por envexas entre veciños -nestes casos a solución pasaría por un profundo, longo e complicadísimo proceso de intervención cultural, mesmo psico-social-, todo indica que unha porcentaxe importante dos incendios e dos seus efectos podería evitarse solucionando a cuestión da limpeza dos montes.

Se os propietarios de terreos forestais non poden afrontar o custe da limpeza dos montes, será porque os mercados non permiten obter da madeira os beneficios necesarios. Velaquí outra das consecuencias que (as sociedades d)os países desenvolvidos están empezando a pagar polo proceso de globalización que, doutra banda, tantos beneficios reportou durante estes anos aos seus sectores industriais.

Pero que o propietario non poida pagar a limpeza do terreo arborado tampouco non se soluciona con incendios. Ou alguén pensa que apagar incendios é gratis? A diferenza, evidentemente, está en quen paga e cando se paga o custe da limpeza do monte. Se o propietario do terreo non o paga no seu tempo, pagámolo todos ao se acenderen os lumes, mantendo unha enorme (e, porén, insuficiente) estructura de extinción e correndo cos gastos económicos, sociais e humanos que provocan tanto o lume como as tarefas de extinción.

Unha solución alternativa á limpeza manual dos montes sería a forestación con especies de folla caduca que, polo seu propio ciclo, manteñen naturalmente un control moito maior sobre o desenvolvemento das especies arbustivas que facilitan o espallamento do lume (noutros termos: axudan a manter o monte limpo). O problema das especies de folla caduca é que o seu crecemento é moito máis lento, polo que o rendemento económico das explotacións non pode ser tan especulativo. Pero esta é unha ecuación falaz cando o prezo do eucalipto está polo chan. A diferenza está en recoller dous pesos por ano ou ter que esperar 10 anos para recoller 20 pesos.

Moi erradas foron as políticas da Xunta nestes últimos anos que favoreceron o desenvolvemento da produción forestal de piñeiros e eucaliptos, cultivo especulativo de rendemento rápido, que ofrece beneficios a curto prazo ao prezo de agostar máis rápidamente os recursos naturais, arrinconar a vexetación autóctona e, como xa foi dito, complicar as labouras de limpeza do monte arborado.

Será agora necesario un longo proceso de redeseño da cultura forestal do país para que se vaian pouco a pouco resementando as zonas devastadas polos incendios con especies autóctonas (nogueira, castiñeiro, cerdeira, …) de folla caduca.

Tamén haberá que reconsiderar o uso dos terreos, recuperar moitas zonas para a gandeiría de monte, en definitiva, redeseñar completamente o uso do terreo rural galego.

De todos os xeitos, un primeiro paso podería ser forzar a reforestación con especies axeitadas nas zonas próximas ás poboacións. Como mínimo un radio de 500 metros dende os límites habitados debería sementarse obrigatoriamente con especies que faciliten a xestión dos incendios.

NOTA: agradezo as colaboracións recibidas para escribir este post. Nomeadamente a de Xabier V. Pumariño que seica prepara un traballo detallado sobre este tema. En canto estea publicado haberá aquí, naturalmente, unha ligazón ata alí.

Agosto

O meu correo electrónico estes días hai momentos en que parece que non funciona.

E, a pesar das estatísticas, semella que polo ollo da vaca neste agosto non mira nin “Aisa”, que xa é dicir.

As vacas galegas non marchamos de vacacións. Rumiamos ininterrumpidamente.

Estes días ando a darlle voltas a un post sobre os incendios. A ver se hoxe ou mañá podo colgalo, pero esta foto é un bo adianto:

Barreiro

Despois de ler a súa columna de hoxe, pregúntome que lles queda, despois de falar Barreiro, aos analistas políticos da esquerda.

A doctrina Kirchner

A propósito do caso Roquetas, lembrei varios artigos que lera hai un tempo sobre o que en Arxentina se coñece como “Doctrina Kirchner”, creada (ou copiada pero non sei de onde) polo presidente dese país para xustificar os movementos do seu goberno en favor de xulgar os militares responsábeis de crimes de Estado durante os anos 70.

A doctrina Kirchner consiste en non considerar as Forzas Armadas como responsábeis dos crimes dos seus membros. Xa que logo, para limpar a súa imaxe pública, as Forzas Armadas deben colaborar coas accións da Xustiza tendentes a que os que cometeron os crimes sexan xulgados e cumpran as condenas que a xustiza lles impoña.

Nun artigo recente, Javier Ortiz comenta a pouca atención que os distintos gobernos do Estado prestan ás reiteradas denuncias da ONU, de Amnistía Internacional, do Comité Europeo para a Prevención da Tortura e doutros organismos internacionais sobre torturas nos procedementos policiais españois.

A actitude dos mandos da Garda Civil e mais do Goberno Español deberían ser claras neste senso. O ocultamento ou omisión a respecto de denuncias de conductas ilegais por parte de membros das forzas de seguridade no exercicio da profesión é o que destrúe os corpos implicados e non a denuncia e proceso xudicial destes feitos cando ocorren.

Porén, a doctrina Kirchner non acaba de ter acollida. O corporativismo dos corpos de seguridade empéñase en agochar os crimes dos seus membros e fanse cómplices. Os gobernos (independentemente do seu “talante”) déixanse levar pola forza do mesmo corporativismo e iso ten dúas consecuencias claras: afundirse nos mesmos lodos e incumprir as súas obrigas.

Non é que me preocupe moito o prestixio das forzas de seguridade pero, visto que están alí, preocúpame a impunidade coa que se moven, coa que permitimos que se movan.

A Garda Civil, con Roquetas, actúa exactamente igual que o fixeron as forzas armadas latinoamericanas durante a represión dos 70.

Algo haberá que aprender, digo eu.

…e outro nome celebrábel

Segundo El Correo Gallego de hoxe, Luís Bará será o novo Director Xeral de Cultura. A decisión honra á titular da consellería.

Un nome discutíbel

Segundo informaba onte El Correo Gallego, José Vázquez Portomeñe será o novo Secretario de Traballo na Consellería homónima.

O personaxe fora Director Xeral de Relacións Laborais no goberno do PP ata finais de 2004.

Se a información é certa, opino que o Conselleiro de Traballo tivo unha pésima idea. Non vou valorar a valía para o posto de Vázquez Portomeñe porque non teño os elementos precisos. Pero a min pareceume unha falta de respecto aos que votamos o cambio.

Téñase en conta que non se trata unicamente de nomear a unha persoa que formou parte do réxime aborrecido, senón que, a maiores, o personaxe procede dunha das célebres familias instaladas na administración polos sucesivos gobernos do PP (é irmán do que fora Conselleiro de diversas consellerías e actualmente senador do PP por Pontevedra e tío de Víctor Manuel Vázquez-Portomeñe Seijas, xerente da tristemente célebre Fundación Arao).

O BNG debería protestar antes este posíbel nomeamento. O Presidente da Xunta debería evitar esta protesta.

Verdadeira poesía galega

Seguro que xa todo o mundo pasou por esta páxina. A golpe de referencias, sospeito que as súas estatísticas de acceso deberon ter un subidón na última semana.

Só quería deixar aquí constancia do meu firme apoio á idea. Había ben tempo que ninguén facía nada de proveito na poesía galega!

páxina seguinte »