O importante

O outro día o Celta foi a Bilbao xogar un partido de liga. A véspera do partido o adestrador, Fernando Vázquez, decidiu levar os xogadores ver o Guggenheim. Levounos. Chegaron ata a porta. Decidiron que o de entrar a un museo non ía con eles. Marcharon dar unha volta pola cidade.

Un par de días despois, nun programa deportivo (léase “futbolístico”) en RNE entrevistaban ao presidente da LFP a propósito de que varias ligas europeas ían propoñer á UEFA a introdución de cámaras para colaborar a arbitrar os partidos. A continuación, e introducido por un “pasamos a un tema moito máis importante e grave” do presentador do programa, comentaron unha iniciativa lexislativa europea que ía permitir transmitir en directo por internet e aos móbiles secuencias dos partidos de fútbol das ligas europeas, sen que se requira por esas transmisións pagar dereito ningún. Excuso glosar a opinión do presidente da Liga ao respecto.

Non é que estas cousas me sorprendan. Sorpréndeme só a naturalidade coa que parece que temos que tomarnos todo isto.

Linguas e política

Lía nun xornal sobre reaccións alporizadas a un cartaz despregado o outro día no Camp Nou reivindicando a unidade lingüística dos Països Catalans.

Lembrei unha anécdota que me contou un bo amigo valenciano. Poderíamos titulala: “De como o valenciano se convertiu nunha lingua polo interese da dereita españolista de acoutar a unidade cultural catalá”.

Eu tamén penso, ás veces, que as modificacións que o galego require na súa ortografía non terán lugar mentres os partidos políticos sigan erguendo unha e a outra normativa como bandeiras. (Non busquedes segundas intencións na escolla das ligazóns precedentes. Valía igual calquera outra.)

E un par de reflexións adicionais:

Cando un político sostén en público cousas demostradamente falsas (“o valenciano é unha lingua diferente do catalán”, “as praias están limpas de chapapote”) fai uso do principio de que é verdade o que se enuncia como tal e como tal aparece nos medios de comunicación (vid. Jean Baudrillard).

A unidade cultural dun país faino máis forte. Velaí os evidentes intereses por desmembrala.

EHT

Vaime faltar a súa agudeza, a súa ética, cando abra a prensa ou cando poña a radio.

Rexistrarse ou non rexistrarse velaí a cuestión

Grazas a unha boa suxestión de “imeneo” fixen unhas modificacións na xestión do blog para que non sexa preciso rexistrarse para deixar un comentario.

🙂

Comentarios

Acabo de cambiar a configuración do blog para que non admita comentarios anónimos. Tendes que vos dar de alta para comentar (é un proceso moi sinxelo e non se pide ningún dato).

Pero é que estou probando diversas posibilidades para evitar que entre tanto spam.

Desculpade o incómodo.

Na raia

Fin de semana na raia, participando no simposio organizado pola AELG.

Deu para conversar sobre o eterno desexo de sentirnos máis próximos uns dos outros, para analizar as cousas como están e para pensar como poden mellorar.

Como ben se dixo na última mesa, é importante termos en conta que isto non acaba de empezar, que xa hai varias iniciativas que empezaron a borrar a raia. É tímidamente certo, e dá gusto saber que podemos empezar a dicilo, que non estamos continuamente empezando.

O encontro serviu tamén, coma sempre, para ver @s coleg@s que hai tempo non ves (Marta, Alberto, Aurelino, Carlos Quiroga) e para coñec@r nov@s (Bernardo, Elvira, Manuel, Ana Luísa).

Estiven bastante tempo con Antía. Porque se pasa ben con ela e porque Marta estaba demasiado liada, a pobre, coa intendencia e o resto dos colegas non foron. Igual non lles quedou demasiado bo corpo despois de experiencias anteriores, igual non podían, igual un pouco das dúas cousas.

En todo caso pagou a pena. E agardo que esa andadura iniciada pola AELG en dirección sur non free antes de chegar a destino.

Papeleiras

O goberno uruguaio está querendo instalar na beira do río Uruguai un par de celulosas igualiñas ás que nós estamos querendo quitar da ría de Pontevedra: unha mesmo é de ENCE, a outra é de capital sueco.

O goberno arxentino oponse á xogada, argumentando que o río é un ben común (marca o límite entre os dous países) e que, segundo os tratados bilaterais, calquera actividade industrial que produza algún tipo de contaminación no río debe ter o visto bo das dúas partes.

Uruguai esgrime uns informes de impacto que minimizan o efecto negativo das celulosas na auga. Arxentina non acepta eses informes (non me estraña).

Os acordos para a instalación das fábricas proveñen de acordos de cooperación asinados entre os lamentábeis gobernos anteriores (Batlle en Uruguai e Aznar-Fraga deste lado).

Arxentina confiaba en que o cambio de goberno en Uruguai permitise reconducir as negociacións para frear o proxecto, pero a realidade é que as empresas celulosas financiaron tamén a campaña electoral de Tabaré Vázquez, polo que a actitude do novo goberno frenteamplista non está a ser a esperada polos arxentinos.

O Banco Mundial, por presións arxentinas, suspendeu hai pouco o crédito que ía librar para a financiar a instalación das fábricas.

O de sempre: as empresas procuran quitar o máximo proveito ás tecnoloxías aínda cando están comprobados os seus efectos negativos para o ambiente. Nos países desenvolvidos atopan presións contrarias. Nos países pobres as reticencias son menores porque as necesidades de investimento e de postos de traballo son enormes.

Nos países desenvolvidos estamos empezando a aprender que a ecuación ten que pechar a longo prazo. Aos gobernos dos países pobres o único que lles interesa é chegar a fin de mes.

Nota bene: facer hipóteses no aire é arriscado, pero apostaría a que, se as celulosas se fosen instalar en Arxentina, as posturas dos respectivos gobernos serían xustamente as contrarias.

Sen palabras

Todo o tema este dos inmigrantes subsaharianos tenme mudo: sinto que non podo seguir posteando neste blog sen dicir algo ao respecto e, ao mesmo tempo, parece que non tivese palabras para describilo sen dar voltas arredor dos tópicos.

Será perdoado este meu pecado?

De regreso (cando menos é o que se pretende)

Aquí está outra vez o ollo da vaca presto para mirar a realidade ao seu xeito.

Para empezar, agradecendo ao ollo lector que subministrou esta ollada de vaca galega.
Veremos que tanto sabe mirar.