coñecendo os veciños (III)

estaba mirando a lista de ligazóns e pensaba que medrou moitísimo estes días. e conste que só poño ligazóns cando o sitio me chama a atención, cando me gusta, cando comparte comigo algúns intereses.

notáchedes que no blogmillo ultimamente hai unha actividade máis febril do habitual? é moi divertido.

teño que pensar un modo de organizar a lista para que o persoal non se perda alí dentro… porque hai cousas moi diferentes…

podía, por exemplo, crear unha lista cos sitios persoais, as clásicas bitácoras de nacemento, outra con blogs de actualidade, outros máis “literarios” ou “culturais”. seguro que a algún lle senta mal que o meta nesa lista.

en que sección metería eu o ollo da vaca?

tic tac tic tac tic tac tic tac tic tac

creo que non vou clasificar nada.

coñecendo os veciños (II)

non vira eu nunca este blog? é posíbel?

adeus ás maiúsculas

hai alá cinco meses botei a andar este pequeno espazo onde poder deitar os resultados dos meus “remoementos”. e fíxeno dun xeito anónimo. parecía que era mellor, neste país pequeno. como que daba máis facilidade para opinar libremente.

suxerinlle ao humano que me traduce os remoementos que usase maiúsculas, cousa que el normalmente non fai, vai ti saber por que. pareceulle ben. era, tamén, un xeito de que non andase todo o mundo a preguntarlle que era a tal vaca de marras.

hoxe o pobre estaba escribindo un mail a unha amiga e decatouse, nun momento, de que empezara a poñer maiúsculas. levou un desgusto, meu pobre…

así que hoxe que case todo o mundo sabe quen son e xa non me preocupa tanto o anonimato, decidín relevar ao humano da obriga das maiúsculas.

todo en minúsculas. que son ben bonitas.

Violencia contra…

O xoves estiven no acto que organizou a Secretaría Xeral de Igualdade da Sunta (sic) de Gali(z)a.

-Manda carallo! -comenteille a L.– agora imos a actos oficiais…

Foi unha especie de recital poético con inter-vencións inter-caladas de cantantes e mais bailarina (non a vin, tiven que marchar antes do final porque tiña unha cita co cuarto poder).

Non estivo mal, pero botei en falta homes no escenario.

A extinción da violencia contra as mulleres é unha necesidade social. Convertila nunha reivindicación feminina (ou, moito peor aínda, feminista) é unha redución innecesaria e, penso, errónea.

Coñecendo os veciños

A listaxe de blogs que publicou Camilo na Voz deu para multitude de conversas ao agocho do millo. O mellor delas foi a lista grande de novos veciños que descubrín a conta dos “debería estar e non está”.

Hoxe, facéndolle unha visita ao amigo pito coñezo dous veciños novos que terán, sospeito, a miña visita frecuente: lúa neghra e mais haicu.

É bonito. Síntome ben acompañado.

Cineuropa non

Fun bastante ao cine estas semanas. Unha boa válvula de escape cando a pota empeza a coller presión de máis. Pero nin pisei Cineuropa. Non é que lle teña especial manía ao festival compostelán. Máis téñolle á xente que soporta longas colas diante do xanelo pechado do Principal e cando, a mediados de decembro, as mesmas películas pasan a unha sala comercial morren de asco e non duran nin dúas semanas.

Antes podíase xustificar no prezo da entrada. Agora xa nin hai moita diferencia.

En calquera caso, para quen aínda as teña a tiro, recomendar dúas das pelis que vin: La vida secreta de las palabras. Cada día me atraen máis estas historias de silencios e soidade e a peli é boa mesmo a pesar da insoportábel dobraxe da protagonista (que xa é mérito). E mais Malas temporadas. Cámara está de moda (e ben que o merece) pero eu fun ver a peli, obviamente, por Leonor Watling pero marchei impresionado co traballo de Nathalie Poza. Finísimo.

(A foto da Watling é de En la ciudad a magnífica película de Cesc Gay de 2003.)

Corrixir

Din que din que din que dicía Borges que publicaba para deixar de corrixir. Non me acaba de cadrar moito co personaxe. En todo caso, a frase é interesante.

Acabo de revisar por enésima vez o libro que lle mandei o xoves pasado ao editor. E aínda houbo ocasión de retocar algún detalle. Nestes días, sospeito, pasaranme probas da maquetación. E oooooutra vez.

De todos os xeitos, teño comprobado que, cando se revisa sucesivamente un libro que xa está máis que revisado, con frecuencia retoco unha e outra vez no mesmo texto. Se despois de moito dar voltas e voltas sigo sen dar cunha forma axeitada para o poema, o normal é que acabe quitándoo.

A semana pasada estiven comendo co psicopoeta e mais co de lalín (sen faltar aos outros). Estivemos dándolle voltas ao tema aquel do “Mirar para outro lado (I)”. Saíron ideas interesantes. A ver se esta semana teño algo de tempo e o poño por escrito.

Plata quemada

O Goberno español concédelle á Igrexa Católica unha boa presada de cartos para que a Igrexa Católica poida imprimir carteis e mobilizar autobuses para unha manifestación en contra do Goberno español.

O Goberno español concede unha licencia de televisión analóxica aos seus colegas de Prisa e, para calmar os ánimos das outras teles privadas, acorda unha redución da publicidade en TVE. Deste xeito, parte do que lle tocaba a TVE da “tarta publicitaria” irá dar aos pobriños donos de Tele5 e Antena 3 que prefiro non lembrar quen son porque se me atraganta a herba que acabo de comer e que estaba boísima.

Oraben: o diñeiro que non ingresará TVE de publicidade quen o pagará? Bingo! Os mesmos que pagan o déficit da Igrexa Católica aínda sen marcaren a bendita casilla da declaración da Renta (nunca mellor dito).

Eu non, que as vacas non pagamos impostos. Son outros que pagan por nós.

E din que chove.

Fama e cabeza

Souben polo amigo pito do especial sobre blogs aparecido na Voz o outro día.

A pesar de ser inmerecido, dá certa ledicia comprobar que a vaca aparece na lista de bitácoras que fixo Camilo Franco para o especial en cuestión.

Máis aló diso, pregúntome por que é que eu nunca me enteiro das cousas que pasan ao meu redor.

Sen ir máis lonxe, a semana pasada estiven lendo e lendo diversas reseñas da mesa redonda sobre a blogosfera que tivo lugar en Santiago. Pero, coma sempre, despois de que pasase a romaría.

Teño que estar máis atento. Teño que estar máis atento. Teño que estar máis atento. Teño que estar máis atento. Teño que estar máis atento. Teño que estar máis atento. Teño que estar máis atento. Teño que estar máis atento. Teño que estar máis atento.

Preguntas en francés sobre inmigración

Que significa “integrar”?

Que a sociedade de acollida asuma a existencia de grupos con culturas diferentes e aprenda a convivir con eles?

Ou que colabore cos colectivos de inmigrantes para que se acomoden aos modos culturais do sitio ao que chegan?

Ou un equilibrio entre as dúas cousas?

Cometo un erro cando falo de “grupos” de inmigrantes?

Cumpriría falar de “inmigrantes” de modo individual para non tropezar con xeralizacións discriminadoras?

Ou será que no trato individualizado o que se procura é disgregar os grupos para facilitar a súa inmersión na cultura receptora?

E vai resultar que o título deste post tamén leva a engano simulando recluír as revoltas urbanas de francia no eido dos colectivos inmigrantes, cando en realidade é unha revolta dos excluídos, de todos os excluídos, de franceses excluídos?

páxina seguinte »