ás ánimas perdidas que pasan por aquí…

unha chiscadela de ollo de vaca e que o 2006 vos sexa moi pero que moi propicio.

sede felices.

máis veciños na…

…xa longa lista da dereita.

veño de engadir os seguintes: depósito, der d’eiquí, e O ollo do porco (négome a opinar sobre o nome deste último).

os días de despois (II)

os días de despois
deixan unha pedriña xusto
entre as costelas

e se saes á rúa e chove

e se tes que erguerte da cama
erguer a alma da cama

e se se fai noite
e chove
entre as paredes da casa
(brancas)

os días de despois déixanme o corpo
abandonado entre as sabas
arrugadas e en silencio

rei de copas

engadín o rei de copas na miña lista de ligazóns.

foi un pracer coñecelo, veloso.

os días de despois

os días de despois
os reloxos pesan

así que cómpre exercitar a lentitude

ver como escorrega o
frío
por debaixo da porta

e fóra está gris

e dentro chove

e o silencio

—–

a mariademallou, grazas polo primeiro verso. sempre é bo ter por onde empezar.

vacas e touros

por pedido de pedro, fixen uns recontos para verificar a pouca normalización dos nomes das vacas e resultou así:
paloma: 6490 / pomba: 1061
blanca: 5367 / branca: 13
blanquita: 675 / braquiña: 2!

e, xa que estaba, aproveitei para botar un ollo á lista de touros.

é moito máis pequena cá de vacas e non é tan divertida pero bueno, algo dá de si.

a maiores dos obvios rocky, rambo, xacobeo, gable, tyson …
e doutros superheroes batman, superman, popeye…
atopei algúns non tan obvios: cousteau, pentotal, pavarotti, camarón, megatrix, dúplex

están os futboleiros: valerón, donato, bekham, figo, rivaldo, …
e os mitolóxicos: zeus, osiris, vulcano, midas, apolo, …

hai moito touro (ou dono de touro) anglófilo: ambition, highlight, converse, spencer, …

e, a maiores, as seguintes pérolas:
rubia (como lles gustan aos cabaleiros)
carne (premonitorio?)
leche (este debe ter un complexo curiosísimo)
golfo (moito non será, que aquí a maioría dos cruces son por inseminación artificial)
javito (ese non sae da corte)
macho (menos mal… dubidaríano nun primeiro momento?)
aristóteles (un touro pensante)
átomo (un touro pequeno)
bertamiráns (este é veciño meu)
imedio (será tamaño large)
bustamante e bisbal (para completar ot1)
petróleo (será pola cor? ou polo dono do bar de portozás?)
estai (de pesca (i)legal nos caladoiros do mar do norte)
dabuten (chulo madrileño)
bolívar (chavista)
zipizape (que é un só touro, non dous)
e infalible (un hacha, o tipo)

distinto que sucede coas vacas, os nomes dos touros non se repiten moito. o que máis, “magnum”. hai catro touros con ese nome.

de dispersión, política e vinganza

o pp denucia alporizado que o pse apoie uns orzamentos vascos que inclúen unha partida de axudas de desprazamento para as familias dos presos de eta dispersos por todo o territorio do estado.

o psoe, arrastrado irreflexivamente pola imposición moral da dereita, di que apoia os orzamentos aínda que non estea de acordo con esas axudas.

esta vaca pregúntase cal é o razoamento que sostén a política de dispersión de presos de eta. porque entendía que se trataba dunha estratexia para restar forza ao colectivo de presos e mais para dificultar as tarefas de organización interna do movemento armado.

axudar aos familiares dos presos para que poidan visitalos alá onde están recluídos é un xesto humanitario. opoñerse é simplemente vinganza.

era vinganza, xa que logo, a razón da política de dispersión?

como xa dixen aquí algunha vez, facéndome eco de opinións escoitadas nun medio de comunicación, os colectivos de víctimas do terrorismo están no seu dereito de sentir rancor e desexar vinganza. pero eses desexos non poden determinar automaticamente as políticas de estado.

VisualObxectual

hoxe engado tamén este blog doutra amiga. levaba tempo pensando en facelo e esquecéndoo cando sentaba diante do maquinillo.

e un par de ligazóns para que coñezades a quen se agocha detrás do blog:

un relato
e uns poemas

miccionario

parece que cobra boa vida este blog dun bo amigo.

que a súa boa vida sexa, tamén, longa.

nadal

non teño, como lles pasa a moitos, unha especial aversión polo nadal.

tampouco é que me interese en particular. en xeral, tendo a incluír o nadal na lista das tradicións que foron devindo simplemente excusas para exercer o noso consumismo irredento.

e o certo é que sempre o pasei ben no nadal. era unha ocasión para encontrarse cos parentes que non vías o resto do ano, que as tías vellas che esmagasen as meixelas “como se parece a su mamá”, etc. a min todo iso paréceme moi ben que suceda e, aínda que doian as meixelas, en realidade creo que a todos nos gusta que os demais nos queiran e o expresen.

eu o único que vou propoñer (e de verdade que faría unha campaña seria ao respecto) é que se eliminen as decoracións de nadal das rúas. cando menos así como estamos afeitos a velas.

por unha banda, creo que obrigar á peña a escoitar panxoliñas é un exceso propio da laranxa mecánica. xa abonda con escoitalas no corte inglés (unha e outra vez as mesmas cancións, non é que teñan un só disco, é que é un single, joder!).

pero, sobre todo, creo que habería que eliminar as iluminacións. xa non só porque sexan horteras,
que o son,
e moito,
case todas,
senón porque significan un gasto enorme para os concellos e, sobre todo, un derroche completamente inxustificábel de enerxía, ergo, contaminación.

hai quen di que os comerciantes se queixarían. eu digo que se un concello fai unha campaña publicitaria ben feita anunciando a toda voz que se vai doar o que se aforre de enerxía eléctrica… non sei… para facer saneamento nun bairro periférico de quito, por exemplo, eu iría a ese concello a mercar só para solidarizarme coa iniciativa.

mesmo luces e son poderían substituírse, se non queda máis remedio, por outros artiluxios que non consuman enerxía, por exemplo.

non poderiamos facer esa campaña para o ano que vén? credes que non tería éxito?

eu prometo que, se para o ano me toca o gordo, destino un bo anaco a esa campaña.

páxina seguinte »