plaxio ou morro

un denunciante anónimo infórmame que na edición de ferrol da voz de galicia do domingo sae este artigo sen facer referencia á fonte. isto provocou en min dous remoementos:

1) hai tempo vin a mesma noticia no mesmo xornal dous días seguidos tal cual. pero isto xa é o autoplaxio levado ao extremo.

2) vou ter que poñer o blog (ou, cando menos, o post célebre) baixo licencia de creative commons… e facerlle parella recomendación a nacho mirás.

sábado de chuvia

sábado de quedar na cama mirando pelis.

lembro o tempo en que isto era normal. lembro mesmo cando era tan normal que a rúa na que vivía amenceu inundada todas as mañás dende outubro ata maio.

contra o final daquel inverno gris andaba que me doía o corpo todo, estaba sempre canso. non foi preciso ir a ningunha clase de médico para curar aquela doenza.

abondou que parase de chover e saíse o sol.

agora non pasa iso. agora miramos a chuvia detrás dos cristais coa certeza de que en dous ou tres días poderemos volver facer a fotosíntese sen máis.

hamlet

onte ohqtomr foi a territorio liberado (de paco) para asistir á estrea do hamlet que dirixiu lino braxe.

eu, coma sempre, non puiden ir. que xa se sabe que ás vacas non nos deixan entrar nos teatros. cando menos, non no patio de butacas.

ohqtomr chegou tarde pola noite bastante canso pero aínda tivo tempo de contarme algunhas cousas sobre a montaxe. dixo que é un espectáculo bastante longo pero aínda así non se lle fixo pesado. está moi ben de ritmo. a escenografía resulta. púxolle pegas á música, sobre todo á das transicións e resaltou o traballo dalgúns membros do elenco e a diferencia con outros.

xa se sabe, que me costa falar mal do traballo dos demais, así que desculparédeslle que non poña ligazón ningunha en “outros”.

pero, en suma, un espectáculo que paga a pena ver. realmente o traballo de tosar e maceiras é notábel. e lino ben sei que con este espectáculo paga unha vella débeda que tiña coa súa profesión. foi ben agardar para chegar aquí.

todo borroso

dende lonxe vese todo borroso.

vin pastar a fin de semana en pastos duros do sur. e dende aquí detéñome no sopor da sesta (si, sopor, non sei se pola nube de pó sahariano ou pola falta de hábito, pero sopor) a dar unha volta polos blogs.

ben se ve que ultimamente o traballo non me dá marxe para moitas florituras.

atopo un debate do que non soubera e todas as reflexións ao respecto danme preguiza. porén:

– a’ohqtomr só xerais lle pagou puntualmente dereitos de autor. non quere entrar na discusión sobre se os editores deben ou non deben pagar dereitos de autor (debate aburridísimo porque as distintas posturas parten de premisas ideolóxicas irreconciliábeis), nin moitísimo menos en se merece ou non merece recibir tales compensacións (debate inútil por pouco obxectivábel) pero quere deixar claro que os editores que non lle pagaron nunca un peso si que lle fixeron asinar un contrato onde figuraba a obriga que asumían de facelo.

– di aquí que el non tería ningún problema en ceder (de palabra ou por escrito pero de feito “contante e resoante”) os seus dereitos de autor aos editores que teñen a ben publicar e distribuír os seus libros, mesmo a pesar de que ás veces preferiría matalos polo pouco entusiasmo demostrado na difusión e reposición dos libros que, sorprendentemente, se venden nas librarías. mesmo a pesar de que os tales editores non renuncien aos seus beneficios nin lle reclamen renuncia equivalente a distribuidores, impresores e libreiros.

– pero deixa claro que preferiría renunciar expresamente e non “por defecto” e “agachadamente”.

polo demais, amb@s @s d@@s pasámolo mellor paseando por sevilla que escribindo obviedades cabreantes.

definitivamente é moito mellor manterse desinformado.

final da semana

tiven unha semana bastante liada que non me deixou tempo para (cáseque) ningunha das cousas que fago por pracer.

pero non quero deixar rematar a semana sen deixar constancia aquí do meu agradecemento ao fado por estes dous regalos que nos deixa: a marcha ex-patrón coas súas ex-patronadas para a capital do reino veciño. que vaia con deus. e mais a marcha do aínda-patrón cara a un sitio no que se sentirá moito máis na súa salsa, onde non terá a quen mandonear, e dende onde deixará de incordiar.

o asunto da lingua (sempre presente cando falamos de mr. pacou) colleu corporeidade un par de veces esta mañá para min. a primeira foi escoitando a tertulia da radio galega onde os tres convidados (non sei e prefiro non saber os seus nomes) perpetraron a lingua falando do tema ata que (menos mal) cheguei ao traballo e apaguei a radio.

a continuación, atopei un correo electrónico de torredebabel e, despois de lelo, fun facerrlle unha visita ao blog. ver blogs é unha das cousas que esta semana case non fixen. convídovos de modo entusiasta a ler con calma o extenso post que colgou antonte onde podemos ser testemuñas dunha actitude da que ben tería que aprender o novo señor embaixador.

a semana deu tempo tamén para algún encontro sempre adiado e para revisar algún poema do libro en construción que agardo poder colgar a semana que vén.

reflexións interrogativas sobre as caricaturas famosas

1) por moito que remoia non consigo xustificar unha chamada á violencia en defensa de ningún principio, por moi ofendido que se sinta o chamador.

2) cal sería a reacción dos medios de comunicación que hoxe se poñen do lado do xornal danés se mañá un xornal marroquí publica unha caricatura de bin laden sodomizando a juan carlos borbón?

3) quen se beneficia da tormenta desatada contra europa no mundo musulmán?

4) decote os medios de comunicación satanizan expresións de individuos diversos (líderes políticos, sociais, etc) cando consideran que atentan contra uns ou outros principios e ideas. a cruzada dos medios de comunicación europeos a raíz das reaccións que xeraron no mundo árabe as caricaturas, é realmente unha cruzada en defensa da liberdade de expresión? non é, de verdade, unha cruzada en favor dos seus intereses de lobby? síntoo, sei que hai moito xornalista no blogomillo, pero é que hai tempo que penso que os medios de comunicación non defenden ningunha liberdade senón só os seus intereses e os dos grupos económicos que os sosteñen.

5) imaxino que unha caricatura de mahoma cunha bomba no turbante foi feita como metáfora de quen usa a relixión para exercer a violencia. pero a lectura: “o islam pon bombas” é, tamén, posíbel. creo que deberiamos ser máis coidadosos coas xeralizacións que provocan estigmatizacións raciais ou sociais.

non se trata aquí (só ou fundamentalmente) dun problema de imposición de modelos? de quen ten (máis ou menos) dereito de impoñer aos demais o seu modelo de sociedade?

a’treu

onte ohqtomr participou dun recital poético no centro social a’treu da coruña. pasouno ben, disque. eu non fun porque as vacas normalmente incordiamos un pouco neses sitios de paso tan pequeno.

fíxolle ilusión porque o resto de participantes eran xente nova e iso sempre está ben.

e mais o recital foi longo pero non llo pareceu.

ohqtomr leu poemas do seu libro novo.

e mais participou arsenio iglesias, un bo poeta, moi bo, que traballa dende hai xa anos c’ohqtomr nun dos seus obradoiros, o de fene. así que xa imaxinades que ohqtomr estaba encantado. ademais, á xente gustoulle moito o que leu arsenio e como o fixo.

maría lado prometeu colgar fotos no blog pero ben se ve que a noite de onte foi longa.