éxito internacional

eu non sei quen é esta xente pero sitúan este ollo no séptimo posto dos blogs galegos, detrás de nomes todos tan insignes que vou ser a primeira vaca ruborizada.

afortunadamente, outros blogs de similar insignitude cós seis primeiros, aparecen detrás do ollo da vaca. o que permite deducir que o criterio é unha trapallada auténtica, que non debedes facerlle o máis mínimo caso e eu tampouco.

decidido: non vou ser a primeira vaca ruborizada.

pd: este post non está post-o coa intención de quitar da portada o anterior 🙂

pd2 (28/04/2006 ás 12:03): a lista actualízase, faltaría máis, e xa estamos no oitavo posto. o tempo vai poñendo as cousas no seu sitio.

stop @

o asunto ese de andar poñendo arrobas no medio das palabras para resultar politicamente correcto paréceme unha trapallada.

pero tampouco é cuestión de poñelo e poñela todo e toda en masculino e feminino.

é unha horterada.

é como un parche. xa que o machismo e a discriminación son difíciles de arreglar, entón poñemos arrobas para que pareza que españa va bien.

feitos, non palabras, que diría… quen?

coido que case todos e todas ou moitos e moitas.

socorr@@@@@@@@!

perspectivas

non sei se víchedes estes días un proxecto de lei do grupo socialista no parlamento español en relación cos dereitos dos grandes simios.

é curioso como un pode cambiar (perder) as perspectivas…

o proxecto resulta, dende unha óptica europea, progresista. é interesante que un partido político demostre preocupación polos dereitos dos animais.

onte, nunha tertulia radiofónica, a presentadora sacou o tema a colación. os tertulianos, todos escritores (ou algo así) latinoamericanos, comezaron a facer comentarios irónicos do proxecto. un deles parecía gardar silencio pero algo debeu escapárselle porque

presentadora: jorge, paréceche divertido?
tertuliano: estou tirado polo chan da risa. non se lles ocorreu pensar en facer unha lei para garantizar eses dereitos aos inmigrantes, aos nenos pobres?

25 de abril

esta data ten tamén para nós un significado relevante.
xa nos libramos dalgúns, pero aínda temos por aquí uns cantos cravos que quitarnos. a revolución galega sería a dos des-cravos.
e a data tamén lembrame a letras de cal. os dous primeiros títulos tiñan referencia á revolución dos cravos no colofón. o ano que vén fanse dez anos diso.

rúa donmanuel

como xa moitos saberedes, o concello de santiago proxecta darlle o nome do ínclito a unha nova rúa da cidade.

anda por aí circulando unha proposta contraria á tal iniciativa. podedes asinala aquí.

ohqtomr di que non lle encantou o manifesto, pero asinouno igual.

di que cando un argumento é bo e suficiente non é necesario dar trinta.

eu penso que non se pode dar o nome dunha rúa a unha persoa que fixo parte dun goberno imposto, autoritario, fascista, responsábel da morte ou desgraza de miles de persoas.

e moito menos cando nunca manifestou ningunha caste de arrepentemento por telo feito.

argumenta o alcalde de santiago que non se lle dará ao señor fraga iribarne o nome dunha rúa polo seu pasado franquista senón polo ben que fixo por santiago durante dezaseis anos de goberno da xunta.

paréceme unha actitude propia dunha persoa con manifesta cortidade de miras. non se dá o nome dunha rúa a unha actitude puntual (por outra parte discutíbel) senón a unha persoa completa, co seu currículum todo.

cómpre facer moita forza para que este proxecto non vaia adiante. calquera iniciativa cidadá é importante. e mais agárdase dos representantes nacionalistas na corporación unha postura activa e belixerante neste mesmo sentido.

probando o millo desta leira

boas. estou probando como sabe o millo desta leira. a ver se ohqtomr e mais eu decidimos cambiarnos para aquí.

finde (semana)

botei a fin de semana na capital do imperio pequeno. fun e vin en coche, moi ben acompañado. como iamos contracorrente (todos os camiños conducen á mesma obviedade) agardabamos pouca cola pero á volta tocounos unha pouco explicábel á altura da pequena cidade. non tiñamos pensado morrer nesta fin de semana e, malia os agoiros, non morremos.
moi en contrario, renacemos un pouquichiño con coñecemento de novas xentes, doutras xa coñecidas hai (moitos!) anos e coa necesaria dose de arte.
ohqtomr pensaba botarlle un empurrón á corrección do seu novo libro pero tampouco non lle veu mal desconectar de todo.
a ver se lle serve para anovar tamén os azos nas súas obrigas cotiás.

uffff!

sóavos de algo?



de todos os xeitos, hai algunha pequena diferencia co sistema galego.

en italia, os emigrantes votan representantes por circunscricións electorais propias. quer dicir: non inflúen na elección dos habitantes das rexións e provincias da península.

ohqtomr, por exemplo, votou representantes dos emigrantes en europa.

en total, a emigración ten seis senadores (dous por europa, dous por sudamérica, un por norteamérica e un por asia-áfrica-oceanía).

os resultados parciais din que prodi ten que recuperar na emigración o escano do senado que neste momento lle leva a casa delle libertà.

europa: prodi 56,14% – berlusconi 21,95%
am. n.: prodi 34,90% – berlusconi 29,93%
am. s-: prodi 26,04% – berlusconi 17,7%
áf-as-: prodi 38,12% – berlusconi 37,52%

totais: prodi 44,2% – berlusconi 21,2%

a que credes que se pode atribuír esta diferencia entre o voto dentro e o voto fóra? 😛

exposición


aconséllovos vivamente visitar a exposición de laurent millet na igrexa da universidade en compostela.
é máxica.

páxina seguinte »