a cultura circula

tiven estes días unha conversa cunha persoa (omito o nome, aínda que supoño que non tería ningún inconvinte se non o fixese) que me ofreceu un par de reflexións sobre o proxecto da consellería de cultura “a cultura circula” que me pareceron moi interesantes e que quero compartir convosco.

vaia por diante: 1) que a persoa autora das reflexións foi convidada a participar n’a cultura circula e non aceptou por problemas de dispoñibilidade, 2) que non vin a carpa nin participei en absoluto d’a cultura circula porque non tiven ocasión, 3) que non por enunciar eu estas ideas é que estea de acordo con elas (nin o contrario), senón que me parece interesante deixalas aquí para reflexionarmos entre todos.

dicía esta persoa que lle parece que o investimento cultural debería estar máis orientado á construción ou sostenemento dun tecido estábel de difusión e creación, que á posta en marcha dun proxecto puntual de duración determinada e presencia efémera nos sitios nos que ocorre.

dicía que as enerxías que os concellos e os medios de comunicación destinan a’a cultura circula durante os días nos que se instala a carpa fagocitan a difusión e promoción das actividades ordinarias da xente que de modo regular leva adiante accións deste tipo neses sitios.

remoendo sobre este mesmo asunto, penso que non é mal pensar en crear tecidos estábeis de promoción e difusión cultural, tecidos que sobrevivan mesmo a cambios de goberno. non me parece mala idea apoiar a andadura (ou a creación) de colectivos locais que son os que van ficar cando marche a carpa.

sei que a xente que traballa na carpa está entrando en contacto con colectivos locais para determinadas accións. pero non teño a impresión de que entrasen en contacto con tampo abondo como para sumar enerxias, para aunar esforzos, mesmo para teren as asociacións locais en conta á hora de deseñar as actividades da carpa…

en fin, que agardo que estes comentarios sexan lidos con espírito xeneroso por uns e outros. como aportacións construtivas mesmo dende o moito descoñecemento do proxecto e a súa posta en práctica. vaia iso, tamén, por diante.

lei de partidos

antes pensaba que había que derogala.

agora penso que lla hai que aplicar ao pp, un partido que demostra decote que non respecta as regras da democracia.

xa comezou!

ata agosto hai tempo de pasarse por lisboa para ver polas rúas un montón de parentes artísticos.

(tendes que ser pacientes coas ligazóns porque o sapo é lento de seu pero, tratándose de vacas, aínda lles leva máis esforzo.)

selos

levo varios días remoendo sobre o asunto da fraude filatélica. conversei o asunto con distintas persoas e tirei algunhas conclusións.

é unha verdadeira putada que a xente perda os seus aforros porque os inviste de boa fe nun sitio onde lles prometen altos dividendos e os estafan. pero é responsabilidade de cada un saber onde mete os seus cartos, que garantías se ofrecen, que riscos se corren

o estado non ten responsabilidade económica neste caso. quer dicir: non está obrigado a compensar económicamente as perdas dos aforristas de forum e afinsa. non imos pagar todos polas metidas de pata dos demais. ou acaso eles pensaban compartir connosco os beneficios obtidos se o investimento non resultaba en fraude?

investir en selos é como investir en ladrillos. se ti mercas un piso e o construtor marcha a waikiki cos cartos da entrada, hai que facer como fan os xaponeses.

– como fan os xaponeses?
– fódense.

non vale defender un sistema de estado non intervencionista para unhas cousas e despois ir pedirlle ao estado un salvavidas cando se desata a tormenta.

isto non quere dicir que non sexa necesario pensar en restrinxir e controlar mellor as actividades deste tipo de empresas. a liberdade de oferta e a flexibilidade do concepto “publicidade enganosa” son unha bomba de reloxoaría.

días de desencontros

eu levo días e días ocupada en remoer diversos asuntos pero ohqtomr está tan liado co premio ese e mais coa presentación duns libros que non lle dá tempo a cumprir coa acción que lle permite facerce merecedor do seu acrónimo.

hoxe conseguín que me transcribise esta enumeración:

outro tetrapléxico decide rematar coa súa vida e a única reacción do estado é buscar as persoas que o axudaron a exercer o seu dereito á liberdade para penalizalas.

– os deputados galegos membros da comisión da reforma do estatuto están máis ocupados de se galiza é unha nación ou non o é do que de calquera outra aportación que os grupos sociais que comparecen na comisión poden facer a unha reforma que non pode limitarse só a ese asunto.

– o ministro de traballo sae a cantar louvanzas da reforma laboral acordada cos sindicatos e mais a patronal. permitirá, di, mellorar a estabilidade no emprego sen afectar a necesaria flexibilización laboral. e ninguén se sorprende de que a flexibilización laboral sexa presentada xa unha “necesidade” e que un goberno supostamente de esquerdas vaia por aí gabándose de favorecela.

– suso pensado presentou o sábado pasado nas pontes o seu primeiro libro, a tarde, gañador da terceira edición do premio de poesía uxío novoneyra. o libro está editado por espiral maior e é realmente magnífico.

– tamén mario regueira presenta o próximo sábado no casino de fene o seu primeiro libro de poemas, tanxerina. o libro gañou o ano pasado a XVIII edición do premio de poesía xosemaría pérez parallé. edita tamén espiral maior. o verso de mario regueira é fluido e suxestivo, cheo de recendos africanos e palabras de loita.

blogaliza estrea servidor de blogues e este ollo prepara a súa mudanza para facela coincidir co primeiro aniversario de remoementos, que será en xuño.

a piscifactoría de touriñán non se construirá. como xa comentamos noutra ocasión, unha piscifactoría na costa galega ofrece uns poucos postos de traballo reais e beneficios para unha empresa, ao tempo que produce a destrución da paisaxe. a conservación da paisaxe favorece a industria turística, o que produce máis postos de traballo e beneficios con mellor distribución social. xa que logo, non vexo por que a xunta ten que ofertarlle a pescanova outras localizacións para esa piscifactoría. o eslógan sería: piscifactoría en touriñán, non. e en ningún outro sitio da costa galega.

a ver se para a semana, a vida d’ohqtomr se ordena un pouco e podemos conversar con algo máis de vagar.

o “noso” avelina valladares

peta

co océano enteiro atrás desa porta
sente achegárense dentro
pasiños mornos

pés pequenos de andrea

de seguido
retórcense as entrañas do ferrollo
ata un estalo rotundo que soa a fractura
e dentro
de súpeto
prolóngase un silencio
impropio

unha quietude desconcertante
antes de abrir

e a el deténselle todo o sangue no peito
e logo rebenta e espállaselle polo corpo a golpes brutos

con todo
moi
interiormente
ese sinal de incerteza confórtao

aí dentro
andrea comparte con el
sensacións do corpo

—————

este poema fai parte de ático, o libro co que arsenio iglesias pazos vén de gañar o premio avelina valladares. arsenio, que pasa de cando en vez por esta leira e fainos grata compaña, leva xa uns cantos anos no obradoiro literario que coordina ohqtomr na biblioteca municipal de fene. xa gañara algún premio cun relato hai uns anos pero este é o seu primeiro libro de poemas e vai saír publicado.
ohqtomr púxose que non vos podo explicar de contento cando recibiu hai un par de horas a chamada de arsenio. faltoulle tempo para voltar á casa e deixar aquí constancia da súa alegría. hoxe miro eu polo seu ollo.

un traballo máis duro do que debería

ohqtomr vai ser estes días membro do xurado dun premio literario.

non lle imos pedir que nos conte que textos lle gustaron máis, que esas son cousas que non se din. pero si que o vin rosmar toda a fin de semana mentres lía os textos participantes e pregunteille.

e resulta que anda cabreado pola cantidade desorbitada de horrores de ortografía que atopa nos textos.

-é mal xeralizado nestes tempos -dígolle, procurando calmalo.

-pero é xente que está querendo facer literatura! -desespérase-.

»non digo que haxa que nacer aprendido -segue-. ademais, moitas veces sábese que non é ignorancia. eu penso que só se trata de facer as cousas cun pouco de cariño. o descoido, a falta de atención e o desinterese polo traballo ben feito son un poroblema moito máis grave do que poñer mal un acento, cambiar un “b” por un “v” ou colocar os pronomes do lado que non é.»

ten razón.