curso de pastor

as ligazóns patrocinadas de google sorpréndenme esta mañá con este link.

interesada polas técnicas que utilizan os humanos para tratar connosco, decidín darme unha volta pola páxina en cuestión.

un sitio alucinante chamado “seminário brasileiro de teologia” que se anuncia con este subtítulo: “uma nação de adoradores apaixonados por jesus”.

a cousa é realmente interesante: ofrecen un curso de “formação do pastor” con “5 módulos e 500 perguntas”. garantizando que “o aluno/pastor recebe credencial e diploma registrados”.

gustaríame realmente coñecer esas 500 preguntas que abondan para que un “aluno/pastor” poida ocuparse acabadamente do seu rabaño.

as esixencias para a aprobación dos cinco módulos son interesantes: “bastante leitura, aquisição de cultura geral, exercício de memória, rapidez de raciocínio, elevado grau de associação, análise e coordenação de idéias”. [as cursivas son miñas e podería acompañalas de cadanseu “(sic)”.]

e o obxectivo é o mellor: “a defesa dos interesses bíblicos”. interésanme particularmente as asociacións semánticas da palabra escollida para explicar o dito obxectivo “interesses”.
estou pensando seriamente en apontar a’ohqtomr. a ver se aprende a tratar un pouco mellor comigo.

servizo á comunidade

procúrase un temporal, ventos de máis de 120 km/h, chuvias fortes con rachas de moi fortes.

extraviouse nalgún sitio do atlántico norte cando se dirixía ás costas de galiza.

xornalistas, fartos de facerse eco unha e outra vez dos mesmos dislates dos políticos, agardábano ansiosos.
calquera información fiábel será recompensada. dirixirse a www.meteogalicia.es.

AVISO LEGAL

perante as reiteradas reclamacións recibidas a propósito da escuridade lírica dos meus últimos posts e coa intención de aclarar calquera dúbida que puidese persistir, anuncio formalmente:

1) que ohqtomr e mais a súa compañeira van ser pais.

2) que o feliz evento terá lugar, se non hai novidades, en marzo de 2007

3) que non saben se é neno ou nena

aproveito a ocasión para transmitirlles da súa parte a ledicia que os embarga e que queren compartir convosco a través deste medio.

dúbidas

non sei se me convertín nun poeta críptico.

ou se a xente anda moi pero que moi despistada.

ou se a xente non anda moito por esta leira (aínda que iso non é o que din as estatísticas):

como fago para deixar este asunto máis clariño?

en preparación

así son as cousas