día peronista

onte foi un día peronista.

chámanse así en arxentina os días de sol, os días estupendos.

pero onte, ademais, foi 17 de outubro.

situémonos.

1945. o daquela tenente coronel juan domingo perón era secretario de estado de traballo do goberno militar presidido polo xeneral edelmiro farrell.

no medio dun turbulento proceso (a cronoloxía e causalidade dos feitos difire moito segundo as fontes que se consulten) perón é detido o 12 de outubro nunha illa do río de la plata polo goberno do que facía parte.

eva perón, que estaba con el no momento da detención, consigue trasladarse de regreso a buenos aires e comeza a organizar, coa axuda dos líderes sindicais, un movemento popular que remataría cunha gran mobilización o 17 de outubro reclamando a liberdade do líder.

nace así un movemento social e político complexo que non vou tentar explicar, vállanme os deuses.

comecei a escribir este post, a conto da festa necrofílica de onte, con esa intención. pero vou declararme incompetente para tal empresa.

queda unha frase que escoitei onte na radio e que resulta bastante gráfica: o peronismo xa só é un soño.

gallego, -a

recentemente desatouse unha polémica a propósito das acepcións que ofrece o dicionario da real academia española da palabra “gallego”.

creo (e xa o dixen nalgún comentario por aí) que a polémica está mal servida.

o dicionario non decide o significado dunha palabra. o dicionario “recolle” usos. quer dicir: se en costa rica “gallego” significa “tonto” non é culpa da real academia española. e moi malo sería que o dicionario non reflectise un uso por que a alguén lle poida resultar ofensivo. (lembrade as recentes polémicas por retirar referencias a mahoma de manifestacións artísticas.)

o que realmente resulta molesto non é a definición do dicionario senón que realmente a palabra se utilice nalgúns lugares ou contextos con ese significado.

reivindicacións máis sensatas poderían ser:

– que a definición de gallego como “lengua de los gallegos” e catalán como “lengua romance vernácula que se habla en cataluña y en otros dominios de la antigua corona de aragón” se considera agravio comparativo.

– que as acepcións pexorativas poderían figurar no dicionario despois de todas as outras. nomeadamente despois da que se refire á lingua.

pero disto non hai titulares. coma sempre, as esixencias sensatas, acompañadas doutras que non o son, quedan agochadas e perden forza, ergo, efectividade.

realidade(s)

o asunto do ácido bórico enfronta a socialistas e conservadores e o tal enfrontamento contáxiase aos seus respectivos boletíns de (des)información e mais aos bandos que teñen montados nas diversas institucións e órganos do estado.

están todos preocupadísimos por saber quen enganou a quen porque o resultado beneficiaría os intereses políticos duns ou dos outros.

ou non. digámolo doutro xeito: están todos preocupadísimos por convencernos de que uns enganaron aos outros (“uns” e “outros” invírtense dependendo da cor política do orador).

poderiamos enunciar:

a realidade non importa
a realidade non existe
a realidade son moitas realidades
a realidade constrúese
jean baudrillard: a guerra do golfo nunca existíu
manuel fraga: “as praias están máis limpas que antes do prestige”.

profunda dicotomía (ou non tanto)

faime pensar nenodanorita outra vez no famoso tema da cidade da cultura. non llo teremos en conta.

un dos maiores éxitos dos últimos gobernos da dereita autoritaria foi a súa capacidade para instituír verdades irrefutábeis. todo un entramado mediático (e mediocre) serve de eco a esas verdades que os novos gobernantes asumen con naturalidade como propias.

para mostra, dous botóns (e descúlpeseme que pareza que os comparo):

1) batasuna é unha organización terrorista coa que non se pode dialogar porque se vulnerarían os dereitos das vítimas do terrorismo. (mesmo o boletín oficial do estado faise eco ás veces desta postura autoritaria e trasnoitada.)

2) as obras da cidade da cultura deben rematarse porque sería unha pataleta infantil que se anulase unha obra por ser idea de adversarios políticos.

o goberno socialista de madrid asume con naturalidade a antidemocrática lei de partidos.

o bipartito galego faise cargo do monstro, faise cargo da inevitabilidade da obra comprometida.

o autoritarismo da dereita creou un monstro baldeiro, fiel reflexo do que sempre foi a súa política cultural: moita bomba de palenque para anunciar concertos de ana kiro e luares de maría del monte.

o goberno actual tenta encher de contidos o monstro, fala de avaliar a viabilidade económica do proxecto, de ligar o monstro a un proxecto cultural de país.

a realidade é que durante moitas lexislaturas o monstro ocuparáse de engulir a parte do león do orzamento de cultura de galiza.

e unha vez rematado, o seu mantenemento ocuparase de engulir a parte do león do orzamento de cultura de galiza.

como se o sistema cultural galego non tivese sitios mellores nos que investir millóns e millóns de euros.

como se o país non tivese necesidades reais nas que investir millóns e millóns de euros.

a imaxe que debuxa nenodanorita do paisano na tele con toda a dentadura podre é rotunda e incuestionábel.

orixinario dun país no que cada novo goberno abandonaba sistematicamente as obras iniciadas polo inimigo anterior, defendín ao principio a idea de que non se debía abandonar o proxecto da cidade da cultura.

antes de empezar a escribir este post xa levaba un tempo reconsiderando esa postura.

agora que remato de escribilo creo que xa non teño dúbida.

cómpre abandonar a cidade da cultura. malo foi gastar todos eses cartos. peor é seguilo facendo.

un monstro baldeiro e brillante era o mausoleo que manuel fraga imaxinou para si.

un monstro baldeiro en ruínas é o mausoleo que eu imaxino para manuel fraga.