non confundir con investimento (negocio)

neste artigo da voz de hoxe fálase dos problemas de subministro enerxético en arxentina.

algunhas novas recentes:

– cortes de luz frecuentes

– prohibición ás empresas petrolíferas de exportar se non se garantiza o abastecemento do mercado interno

fálase varias veces no artigo das escasas posibilidades de solución do problema a curto prazo e todas as veces sinálase o goberno como responsábel.

pero ninguén di que tanto a extracción como a producción e distribución de enerxía en arxentina é responsabilidade de empresas privadas (sobre todo europeas e norteamericanas) que nos 80 se fixeron a prezo de saldo con empresas públicas monopólicas (ou case) e, dende aquela:

– non foron quen de prever as necesidades a futuro do mercado interno

– fartáronse de enviar ás súas centrais os beneficios do negocio sen reinvertir un céntimo no desenvolvemento dun sistema enerxético moderno e eficiente

as empresas públicas que vendeu menem nos 80 garantizaban o subministro. a excusa era, xustamente, que non estaban en condicións de modernizarse, de adaptarse ás necesidades do futuro.

quedou demostrado que as privadas tampouco non estaban. só lles interesaba o negocio inmediato, a pasta fresca.

as empresas europeas levantaron os beneficios con pala e agora é responsábel o goberno da falta de previsión.

o erro da afirmación anterior é que o responsábel non é o goberno arxentino senón o estado arxentino (como institución perdurábel máis aló de circunstancias electorais):

– de entregar as empresas públicas (léase: dos arxentinos) a empresarios inescrupulosos.

– de facelo sen establecer condicións claras de utilización.

– de non proceder (con tempo e antes de que rebentase a crise) a expropiar todas as empresas que non cumpriron.

corrupción? claro que as privatizacións se fixeron con corrupción. e probabelmente moitas das empresas sigan aí a forza de corrupción.

pero non hai que esquecer nunca que ningún político se corrompe se non hai alguén que poña a pasta da corrupción enriba (ou debaixo) da mesa.

e agora lembrade todas e cada unha das veces que os políticos españois (por exemplo) saíron a defender os intereses desas empresas.

non confundir cun imposto (medio)

estamos dispostos

pero ben distribuído. porque os hai que contaminan moito máis ca min e, a cambio, teñen unhas contas correntes con ben máis ceros.

non confundir con delitos (ideas)

este ollo declárase manifestamente en contra da ilegalización da esquerda abertzale.

ningún conflicto de ningunha clase se resolve sen diálogo e a ilegalización da esqueda abertzale ilegaliza as interlocucións, abrindo paso a insensateces como o proceso a ibarretxe e patxi lopez por reunirse con dirixentes de batasuna.

isto sen falar da representatividade que estes partidos teñen. máis alá de gustos políticos, a realidade é que a esqueda abertzale ten un importante apoio popular en euskadi (amplamente maioritario nalgúns concellos). e mal aspecto ten facer como que toda esa xente non pensa nin opina nin existe.

o psoe apoiou a lei de partidos de aznar escudándose no principio de que a política antiterrorista a dita o goberno.

o grande triunfo de aznar é, sen dúbidas, o pensamento único. hoxe en día case ninguén ousa defender o principio do diálogo para resolver o conflito vasco. isto é anatematizar unha idea. algo moi nocivo para a democracia.

non falamos de estar de acordo. falamos do dereito elemental a opinar diferente.

non confundir con moral (ciencia)

cada vez con maior frecuencia saen novas relacionadas co tema da investigación xenética con embrións humanos ou cousas similares.

fanse leis que regulan, permiten unhas cousas si e outras non, saen diversos colectivos a protestar, a igrexa dicta as súas sentencias que cada vez menos seguen, etcétera.

eu teño constantemente a sensación de que, dentro de 100 anos, cando alguén lea o que se falaba a principios do século xxi sobre o asunto, terá unha impresión parecida á que temos nós cando lemos sobre as disputas medievais a propósito de se a terra era o centro do universo ou non.

non confundir con política (gallardones)

non me preocupa moito que o pp perda votos co lío de gallardón.

non sei el, eu sempre souben que –nese partido– o máximo ao que podía aspirar era o que tiña.

non por nada, que hai outros no pp que andan preto da súa liña, pero pesan máis os radicais. logo, pódese estar no pp e ser moderado pero non se pode aspirar, dende alí, a postos de dirixencia.

os radicais son demasiados. e para ser xefe, hai que ser deles (fraga, aznar) ou, como mínimo, estar máis ou menos no medio.

porque os radicais saben que precisan disfrazarse de año para ter algunha opción.

por iso a unha política radical de hoxe só serve para consolidar as bases propias (algo que non podían permitirse perder despois do 14-M).

pero para gañar eleccións fan falta dúas cousas: un grande erro do adversario no poder e un disfraz de año novo.

zapatero non cometeu aínda o grande erro (todo se andará). e rajoy é un disfraz de año que xa vai vello.

desta o psoe volve gañar sen maioría absoluta, penso. nos próximos catro anos veremos se o pp é quen de facerse un disfraz novo ou a rapina interna segue a ser o principal uso que os seus falcóns lle dean ás súas enerxías.

canto a gallardón, igual dentro dun tempo vémolo entrando no psoe (que o psoe ten xente máis á dereita). é un tipo ambicioso, gústalle a política. penso que aínda non se resignou a un papel de segundón.

ou igual dentro de nada aparece de asesor dalgunha empresa gorda cunha nómina de varios ceros. que parece que, ultimamente, a política xa non é sitio de enriquecerse pero si trampolín.

non confundir con aquí (aló)

nesta nota de página/12 de hoxe coméntase, a propósito dos novos movementos político-diplomáticos para liberar dous dos moitos reféns que as farc manteñen detidos na selva colombiana.

a política antiterrorista do goberno colombiano consiste en derrotar as farc por medios militares.

a posición dos familiares dos secuestrados é promover o diálogo nun conflicto no que, segundo o artigo, “ninguno de los contendientes puede ganar más de lo que tiene”.

calquera semellanza co conflito vasco é pura coincidencia.

non confundir con política (principios)

o outro día chamei ao meu bo amigo celso para que me dese unha versión máis “próxima” do pasamento do ínclito ex-conselleiro de obras públicas e beneficios privados.

el ía en coche por algunha estrada do país (de copiloto, que non conduce) así que moi “próxima” a súa versión non era.

e, a maiores, ese día estaba máis afectado porque decidira (e esa mañá se fixera público nun aparte da prensa local -ou, debería dicirse, da edición local da prensa-) deixar o seu traballo.

non falamos moito (non estaba eu en situación) pero algo me comentou sobre os seus vellos topetazos coa xente que xestiona a residencia de lalín.

leva tempo celso preocupado porque dende arriba lle coutan os proxectos que tenta levar adiante. el é un loitador irremediábel e cóstalle cando ve que a avaricia política (ía dicir “ideolóxica” pero pareceume demais) fai de paus no eixo do seu ímpeto por facer máis levadeira a “infinita tristeza” (como mo definiu unha vez) dos habitantes do sitio onde traballa.

sei que celso vai estar ben. el é un tipo emprendedor e non lle ha faltar ocupación. síntoo polos vellos da residencia de lalín. eles si que o han botar en falta.

reflexión engadida 09/01/2007
quedei matinando que -aínda que moitas veces os nosos políticos se empeñen en demostrar o contrario- igual tamén é demais chamar “política” á mesquindade coa que celso ten que lidar decote na residencia. tampouco eu sabería como chamala… estaba pensando nalgo así como “político-minifundista”. seguro que o propio celso ten unha explicación moito máis precisa.

non confundir cun topónimo (hampshire)

chámame a atención estes días, a conto das primarias yankees, o asunto do topónimo.

para min, que non sinto a necesidade de ser consecuente en cousas como estas, o sitio en cuestión sempre foi “new hampshire”, así como sempre dixen “nova orleáns” e case sempre “nova iorque” (veña, vai, case sempre digo “nova york”).

adoito dicir “buenos aires” ou “sao paulo” (sen nasalizar o a) pero nin se me pasaría pola cabeza dicir “london”.

neste artigo da voz de galicia, escollen “nueva hampshire” pero se lles escapou un “new hampshire” ao final. sinal de que o autor estaba pensando en “new” pero, por regra de estilo ou orde similar, fixo o esforzo de unificar en “nueva”. porén, nestoutro falan sempre de “new hampshire”

neste de europa press tamén andan dubidando (aínda que a escolla preferente semella ser “new hampshire” pero, curiosamente, escreben todo o tempo “nueva york”).

neste de “el país” de colombia, repártense mellor: 3 exemplos de cada (por certo, observade o asunto do acento en azul no logo da cabeceira, sóavos de algo?)

a nosa terra parece decantarse por “new hampshire”.

neste artigo de galicia-hoxe escollen “novo hampshire”. (e, neste de el correo gallego, “nuevo hampshire”.)

non confundir con democracia (perigo)

españa está en perigo.

menos mal que nós non temos nada que ver…