non confundir con campaña (“no cabemos”)

recomendo a lectura deste artigo de el país de hoxe.

non voto, que non me deixan, e insisto en que non votaría o psoe. pero teño claro o meu cometido nesta campaña: todo é bo agás o pp.

é algo así como un pacto do tinell comigo mesmo.

non confundir con argumentos (demagoxia)

seica pasou desapercibido. estiven tentando localizar o texto literal do debate para transcribilo aquí pero non o encontrei.

o caso é que o outro día, o candidato do pp acusou ao do psoe polo incremento do número de inmigrantes con permiso de residencia en españa. acto seguido, referiuse ao penoso que resulta para a xente conseguir praza nun centro de ensino para seus fillos ou un turno con espera razoábel na atención primaria.

é que ninguén se dá conta do exemplar de xenófobo que temos neste barbado candidato?

é necesario aclarar que, para poder ter papeis de residencia, un inmigrante ten que ter traballo legal e pagar os seus impostos e cotizacións á seguridade social? é logo culpa dos inmigrantes que non haxa prazas no ensino público ou que haxa que esperar tres e catro días para conseguir un turno co médico de cabeceira?

se eu vou á nevera comer un iogurte e non hai. o culpábel é meu fillo de 11 meses que o comeu? ou eu porque non merquei abondo ou non os repuxen a tempo?

en calquera caso, discursos como este son pura demagoxia, alimentan os instintos máis baixos da poboación e os efectos secundarios non tardaremos en velos.

non confundir con alternativa (pánico)

xúrovolo… levo días e días pensándoo e non consigo dar coa resposta:

como é que hai xente que vai votar o pp?

por exemplo. din que a solución ao problema da vivenda pasa por liberalizar completamente o chan. que se poida edificar en calquera parte.

hai que ser realmente cateto para pensar que propostas así beneficiarán algún día á xente de a pé. os currantes, como di agora o candidato.

a dereita SEMPRE defende UNICAMENTE os dereitos dos DONOS DO CAPITAL.

desculpade as maiúsculas, pero é que estou tan cabreado…

non confundir con novidade (decepción)

erro na columna da dereita. non estaba lendo a vida interior de martin frost (que queda para máis adiante) senón viaxes no scriptorium.

remateina onte á noite. xa viña un pouco fastidiado porque descubrira o asunto da trama alá ao principio da novela. pero o final rematou de decepcionarme.

a cuestión dos personaxes en oposición dialéctica ao autor non é xa novidade na literatura pero que cousa é, a estas alturas, novidade na literatura?

o que esgotou a miña paciencia foi a reflexión final: o personaxe que toma a palabra e mantén que todos os personaxes de “chamémoslle Blank” seguirán sempre vivindo, sobrevivirán o seu autor.

é exactamente a mesma reflexión que augusto pérez presenta a unamuno cando vai visitalo no seu despacho da universidade de salamanca nunha novela de hai case un século.

non confundir cunha declaración (titular)

no artigo transcríbese “no hay ninguna expectativa de diálogo con la banda”.

o titular na portada dixital do xornal era “Zapatero: «No hablaré con ETA en la próxima legislatura»”

escoitando a entrevista na web da cadea, a frase é “no hay absolutamente ninguna expectativa de diálogo con la banda terrorista eta”. e, posteriormente: “no hay ninguna expectativa de abrir nunca un diálogo en la próxima legislatura”.

a min paréceme evidente que a cita e mais o titular non significan o mesmo. afortunadamente.

non confundir con ofertas (psp3)

alucino a diario coa publicidade da psp3.

“só 499,99 €”

“agora non tes ningún motivo para non mercala”

iso é máis da metade do soldo dalgunha xente que coñezo. e unha porcentaxe máis que apreciábel do meu.

porén, véndese como rosquillas, rematan as existencias do produto para nadal, etc.

onde acabará esta espiral de consumo delirante?

non confundir con relixión (bispos)

cales serán os motivos de fondo para que este estado siga sustentando unha manada de bárbaros medievais que non respectan ningunha das institucións do mesmo estado que lles dá de comer?

realmente alguén cre que as pataletas dos bispos poderían ter tanta forza se algún goberno se decide dunha vez por todas a pecharlles a billa?

eu non digo que non falen. que falen o que queiran. só que non estou pola labor de que sigan manténdose gordos e locuaces a costa dos meus impostos.

ocórrenseme un par de cousas máis útiles que facer co que costa o concordato: alixeirar as listas de espera da seguridade social, por exemplo, ou universalizar a odontoloxía gratuíta… sen romperme moito a cabeza.