non confundir cun día calquera (día do libro)

dúas pequenas aportacións neste día

e, por supusto, liniers:

non confundir con pensamento (único)

a presentadora do informativo de tele5 dicía algo así “presten atención a la manera en que el lehendakari compara el tíbet con el país vasco“.

algo así como, “miren que cousas se lle ocorren a ibarretxe…”

o argumento para descalificar a declaración de ibarretxe consiste en descalificar a declaración de ibarretxe.

– por que é un disparate o que dixo o lehendakari?

– porque eu digo que é un disparate. e como o digo na tele, logo xa está. argumento suficiente.

outra mostra do éxito do programa de pensamento único de aznar.

non confundir con xustiza (desgraza)

un home mata a súa ex-muller e ao seu compañeiro. un máis, unha máis na lista. e danos colaterais.

este artigo de hoxe, pon os pelos de punta.

non fai falta entrar en detalles porque o artigo (de obrigada lectura) é claro, detallado e non deixa indiferente.

con todo, o xornalista está obrigado a respectar unha serie de normas que eu non estou. eu podo ser políticamente incorrecto e sospeitar.

sospeitar que a xustiza foi condescendente co asasino porque era militar.

sospeitar que o ministerio de defensa foi neglixente porque primou intereses corporativos.

sospeitar que a psicóloga lle recomendou a sylvina que tentase resolver os seus problemas de parella cun tolo armado baseándose en principios relixiosos decimonónicos.

sospeitar que xuíz, fiscal e psicólogas van saír desta historia con castigos simbólicos mentres o fillo de sylvina e a filla do seu compañeiro van ter de medrar con este horror tolerado pola sociedade e o estado. a nosa sociedade. o estado que nós sostemos.

engado posteriormente, copiando dun relato que me fan:

é ainda mais escalofriante do que pom na noticia
o tipo chamou á porta ás sete da manhá porque sabia que saíam cedo
abriu o companheiro e pegou-lhe dous tiros na mesma porta
entrou dentro e encontrou a ex mulher na cozinha
nesse momento o filho de 4 anos quis sair a pedir ajuda e nom foi capaz porque o bloqueou a poza de sangue que havia nas escadas da entrada
e quando chegaram os polícias encontraram o neno parado na porta da entrada ao lado da poza de sangue sem poder dar um passo
o companheiro e o assassino eram colegas e trabalhavam juntos
e foi o mesmo assasino quem telefonou para contar o que passara e parece ser que no telefonema disse que havia dois cadaveres e que em segundos haveria tres
e disparou-se a si mesmo sem nem sequer olhar para o seu próprio filho

non confundir con sentidiño (voto emigrante)

máis aló de lamentar fondamente o resultado das eleccións italianas, estiven fedellando un pouco nos resultados.

en italia, como penso que xa contei noutra ocasión, os emigrantes votan en circunscricións propias. a min tócame na de “europa” e votei por representantes da emigración en europa.

votei con moitas dúbidas. non son favorábel ao voto emigrante en xeral e iso aplícase a min mesmo. pero pensei, finalmente, que votar contra menem era un deber cívico universal. así que estiven lendo, consultando, informándome de programas e proxectos e votei.

por certo, non. non é un erro. o de menem, digo.

en todo caso, xa pasou.

pero hoxe, fedellando nos resultados electorais por circunscripcións, descubro que en europa gaña veltroni. aínda que en españa gaña berlusconi.

pero mirade ben os resultados de españa. son divertidos. fixádevos nun partido que, no global das eleccións non chega ao 1% dos votos pero en españa pasa do 7%. o “partito socialista”.

sen moito devanarme os sesos chego á conclusión que, si, sen dúbida, os emigrantes non deberían votar.

non confundir cun estado (rei)

o parlamento europeo propón aos estados membros un boicot á inauguración dos xogos olímpicos de pekín.

o diario público titula co asunto na portada e propón un debate: “¿Debe ir el rey a inaugurar los JJOO?”.

escoitando esta mañá o inicio da tertulia en RNE1, a fío deste debate proposto propoñían a súa propia versión “deben os estados membros da UE asistir á ceremonia inaugural dos xogos?” (ou algo así). quitaban o rei da polémica porque “non imos cargar nas costas do rei un problema tan gordo de política internacional” (repito que, como foi na radio, non podo citar con precisión pero o fondo do argumento viña sendo este).

eu penso que non se debe “cargar sobre as costas do rei” nin este problema nin ningún outro. de feito, non se lle debe cargar nin mesmo a responsabilidade da coroa, nin a coroa mesma, nin o conflito de non saber en que gastarse todo o diñeiro que se gasta, nin nada de nada de nada, nin mesmo a molestia que debe significar que o teu nome saia na constitución.

cómpre lembrar que a representación internacional de españa é unha das funcións específicas da coroa (tít.II,art.56.1). parece rechamante, logo, que dende un medio no que non debe ser nin mesmo legal cuestionar a figura do rei, cheguen ao punto de poñer en dúbida a súa utilidade. se non se lle pode cargar nas costas unha cousa que é en si mesma unha das súas principais responsabilidades… xa me dirán.

non confundir con confundir (titulares)

na voz de hoxe lemos o seguinte titular: “España é o segundo país do mundo en visitas a webs de pornografía infantil”. isto xa é unha información impresionante. pero o subtítulo impresiona máis: “El 41,7% dos internautas españois consultan páxinas de este tipo”.

despois lemos, no artigo: “España é o segundo país do mundo en visitas a páxinas web de pornografía infantil e o primeiro en Europa en consultas a calquera tipo de páxina con contidos pornográficos, ata o punto de que o 41,7% dos internautas españois consultan páxinas deste tipo.”

aquí a cousa cambia: o 41,7% dos internautas españois, segundo o artigo, consultan páxinas con contidos pornográficos. isto, sen deixar de ser impresionante, reduce a alarma creada no subtítulo.

con todo, non tranquiliza saber que estamos no segundo país na lista de pedofilia por internet. pero está claro que, se o 41,7% dos usuarios de internet fosen pedófilos entón deberíamos reconsiderar o de permitir os nenos saíren á rúa.